Hey! Snob Megalove' avatar Snob Megalove is posting videos on Unvlog.com

If you like it, sign up and start posting videos in a minute

Bragas Sucias - Cancer de Cona

Os punkis ourensáns Bragas Sucias no concurso Racha Coas Ondas que montaron Radio Nacional e Televisión Española Galicia aló nos 80.

Nunca escoitara falar deles até hoxe. Púxenme a darlle á cabeza e dela saíu esta parrafada, unha reflexión que de seguro moitos fixeron antes, e de xeito máis gracioso, nos seus fanzines fotocopiados moito tempo atrás. Precisamente, na época na que grupos coma os Bragas Sucias chegaban a saír nos medios de comunicación. Coincidencia?

A posibilidade de ver grupos así en televisión de seguro que foi algo inspirador para moita xente, do mesmo xeito que o foron para moitos as cancións do Xabarín Club anos máis tarde. Hoxendía os medios xa non prestan atención á música realmente divertida, feita na casa, PUNK, rabiosamente imperfecta, ceibe de complexos e pretensións.

Pero tamén será por non saber falarlles, non? Por asumir que non és importante (algo NADA PUNK, amigos!!!), e que fas música para un nicho moi determinado, ás veces tan pequeno que só consiste nos teus colegas e os seus amigos máis interesados no tema.

Agora resultará que publicitarse (un dos piares do auténtico punk rock orixinal, desde os slogans de Stiff Records até os Sex Pistols esbardallando na televisión) está superfatal visto. Agora, nesta era na que todo dios ten unha banda e é amigo de outras 1000 no Myspace, difundir o traballo alleo e axudar a promocionalo parece un favor (!) que poucos están dispostos a facer, cando esa sempre foi a base das escenas musicais lembradas en todo o planeta.

Que pinchen a maqueta dun grupo local nun bar da túa cidade parece algo excepcional. Hostia, se eu tivera unha puta maqueta, había levarlles copias a todos os bares de Compostela. E outro día volvería por eles con lentes e bigote postizo, poñendo un sotaque raro, a pedir que pincharan a "ese grupo de aquí do que escoitei falar". Ou pregaríalle axeonllado a algunha amiga bébeda que o fixera por min.

Os grupos "indies" de éxito non teñen tantos prexuízos á hora de defender o propio. O que teñen son publicistas en nómina.

Eu sería máis feliz escoitando a The Homens, Samesugas, Metralletas Lecheras, Telephones Rouges, Novedades Carminha, Phantom Keys, Emilio José, Los Santos, Lee Van Cleef e mil máis na radio e nos bares. Daría a sensación de (non, borra iso: FARÍANOS VER) que aquí se move algo, que non todo acontece en Internet, en Radio 3 ou na máis ca untada Rockdelux. Que non todo ficou no pasado. Que Galicia é máis ca o folk "celta" que souberon poñer de moda a finais dos setenta.

A derradeira vez (e unha das poucas) que escoitei aos Siniestro Total nun bar foi nunha visita que fixen, hai anos, a Cuenca. Deixaron o disco enteiro, un directo, mentres unha chea de estudantes de Belas Artes bebían até perder o coñecemento. Moitos sabían as cancións, home non. Aquí, pola contra, desbotamos ese noso pasado, e substituímolo por un presente construído por publicistas.

Os artistas que tratamos ben, os que valoramos e recomendamos desinteresadamente, veñen sendo todos de fora. Xente que nunca imos coñecer, e que nunca se vai decatar da nosa existencia. Se aparecen para dar un concerto, será de pasada. Nalgúns casos, temos a ilusión de que co Twitter e o Myspace estamos en contacto con eles, pero iso só é a versión actualizada do clube de fans. Agora, no lugar dunha foto firmada, mándanche un reply ou un "thanks for the add". Esa é toda a interacción posible. Eu prefería a foto.

Eu non digo, quita de aí, que teñamos que poñer a boina e deixar de escoitar todo o que proceda de fóra da nosa comarca. Non ho. Eu o que digo é precisamente o contrario, que quitemos a boina e escoitemos, que apoiemos e participemos nas nosas escenas musicais locais. É sinxelo e divertido, e ben pouca xente o fai:

- Vai aos concertos, adoitan ser divertidos, aínda que só fora pola caste de freaks que teñen a moral de subir ao escenario, e os aínda máis freaks que se xuntan no público. Canto máis minoritarios sexan, máis xente riquiña atoparás, asegurado!

- Merca os discos das bandas, e logo faille copias aos teus colegas, han de agradecer o detalle!

- Fala do concerto ao que fuches no Facebook, a xente pensará que a túa vida é moito máis divertida do que o é!

- Pide que che poñan a música dunha banda local nun bar no que teñas confianza. Se non a teñen, lévalles o CD. Se non cho poñen, é que non tes tanta confianza, e que non a teñen eles no produto propio. Algo que aprendes!

- Escribe no teu blog sobre o que mola esa nova banda que acaba de debutar en concerto ou de gravar a súa primeira maqueta; parecerás un auténtico coolhunter!

- Esaxera as virtudes dos grupos, bota por fora coma se cada artista local que che mole fose un Xesucristo/Belcebú reencarnado con chupa de coiro; todas as lendas da música parten de mentiras así, e ti serás o responsable desta!

- Date conta de que facéndote partícipe da escena musical local, estás cultivando memorias, estás facendo historia, estás defendendo o propio e sendo o protagonista de algo. O esforzo ten recompensa dende o primeiro momento!

E se tes unha banda, non deixes de facer TODO O ANTERIOR, que ten máis mérito ca o teu. E mete ruído, manda notas de prensa se é posible, fai chapas co logo da túa banda (deseña un logo!), escribe as túas propias cancións, regala CD-Rs a quen se interese polo proxecto que acabas de comezar, colga a túa música en internet, grava un videoclip perralleiro coa cámara do mobil, fai ver que estás a inventar algo novo (minte), sácate unha chea de fotos promocionais chamativas, pendura carteis nos bares, difunde as letras dos teus temas para que a xente os poida cantar, fai o maior dos ridículos ante a primeira cámara de televisión ou micrófono de radio que pilles por diante. Se riquiño coa xente que che fai caso, escoita as súas opinións, non vaias de artista iluminado nin de profesional de-volta-de-todo, que non hai cousa que dea máis noxo ca os egos competitivos e suicidas dos músicos. Busca cómplices mesmo no inferno. E da algún concerto, aínda que sexa na cociña dun piso de estudantes. Especialmente se é na cociña dun piso de estudantes.

Esta é a puta verdade: non importa o mal ou ben que saibas tocar (sempre que saibas o mínimo, claro), iso non é tan relevante á hora de facer mellores cancións. E que carallo, nin sequera ten tanta importancia "facer mellores cancións", que a estas alturas hai tantos criterios musicais coma cús no mundo. E coma os cús, algúns admiten a entrada de cada cousa que mi madriña.

O que importa é o entusiasmo, coidar o noso, producilo nós mesmos. Facer historia, aínda que sexa unha tan esquencida coma a dos Bragas Sucias. E o fundamental: beber, foder, facer amigos, colleitar memorias, vivir o momento. Pasalo ben. A música sempre foi UNHA PUTA ESCUSA.